Segue sen haber misericordia

2012-06-19

Non había misericordia naquel 1990, no que Xelís de Todo sacaba a que, coido, era a súa segunda novela, e segue sen haber misericordia hoxe. Houbo, posiblemente, unha mudanza na estética e nos xeitos de asumir a ausencia.

Alén da heroína, que estragaba a vida dunha xeración, as ombreiras e os cortes de pelo non axudaron ás manifestacións de descontento dunha mocidade que se esluía en dirección aos sumidoiros da resignación.

Naquel tempo, no que, mais que as circunstancias, a asunción das mesmas, conducíannos cara unha sorte de fracaso que viña marcado na xenética, segundo a nosa pertenza á clase, ser feliz era outra cousa, que se situaba entre a xenreira e a ignorancia.

Hoxe, vinte anos despois, coa capacidade de asombro e a que nos permitía ser felices baixo o estigma do vivido, volvemos atoparnos coa xenreira e a ignorancia doutrora, mais desta volta coa influencia daquel mal de bobos, baixo o título de globalización da miseria.

No tempo no que as curmás de Risco ficarán na historia como causantes dos meirandes secuestros, mais que económicos, da independencia de pensamento e de xestión dos propios recursos, sempre populares, os estados que rescatan promoven os contratos lixo máis lesivos dende a existencia da escravitude, deixando da man do capital, todo o que nun tempo foi valor, a produción e a forza de traballo, para favorecer a quen non produce, senón que especula, nunha sorte de abstración divina, con todo o alleado.

Non vale, como non valeu daquela, berrar BASTA!!!

Xa non hai quen escoite os berros. Non importan as imaxes da miseria, asimiladas grazas ao sensacinalismo televisivo. Se cadra importa, nalgunha medida, o sangue que os mineiros verquen arestora nas estradas asturianas, ferindo a moitos menos dos que sería necesario. Se cadra, vítima dunha simplificación contestataria, iso sexa o máis relevante que aconteceu nos últimos anos, nas loitas deslabazadas e sen vencellos entre sectores que se deron tanto neste país como na contorna. Mais, e nisto consiste a verdadeira crise, non ha haber misericordia para eles e elas, nin para as loitas que os sobrevivan, e xa non polo capital, nin polo poder gobernamental que resista títere nese momento, non haberá misericordia (como se alguén a solicitase ou a desexase nalgún momento) por parte das propias clases populares.

Categories : Sen clasificar