Descarga Sétimo Andar, Poesía Alén

2011-04-26

Co libro practicamente esgotado, A Porta Verde fai posible que todas e todos os/as que o desexedes podades descargalo de balde pinchando en:

Sétimo Andar, Poesía Alén

Como resposta a unha demanda real e seguindo a liña marcada con anteriores publicacións, difundimos este libro, con licenza Creative Commons, como nova achega dos e das grandísimas poetas da República Portaverdiana.

Insomnio

2011-04-26

Un microrrelato publicado no soportal de redelibros, para retomar a escritura neste espazo.

Insomnio

Despois de días sen durmir, a maior parte dos obxectos pasan ao meu carón sen ser percibidos. Tan só nos instantes posteriores a un impacto é que son consciente da miña falta de reflexos. Sen a capacidade que proporciona o instinto para defenderme das agresións, vólvome cara unha figura que se afasta. Os edificios repítense rúa tras rúa, parada tras parada dun autobús vermello, comesto polos anos e a ferruxe.

Chove e a porta non abre ao introducir a chave. A pechadura cede fronte a presión dunha man que preme dende o interior. Sen tempo para reaccionar, precipítome sobre un can doente, cunha forte desorde emocional debido aos excesos de celo dunha propietaria viúva e con fillos ausentes. Polo que, a miña perna esquerda prefire non ter que subir as escaleiras. Convénzoa.

A porta da casa tampouco cede. Golpéoa repetidas veces, como se o efecto fose beneficioso para a miña determinación de entrar. Ábrese e golpéome cun corpo de muller, quente e cun cheiro rancio a fritura de peixe. Déixome apreixar por uns peitos grandes e separados, caídos até un embigo acondicionado polos anos e a vida sedentaria. Réndome fronte a primeira sacudida errática. Na ausencia de tempo, os golpes fanse profesionais, adestrados na contundencia. Durante a baixada, o consolo do can que volve a lamber as feridas, mentres unha voz, rouca xa despois dunha longa emisión de berros, exclama: Non era por non querer, pero estaba o meu marido na casa!

Categories : Relatos

De Noia a Madrid pasando por Ana Cibeira

2011-04-01

Esta noite, Colectivo Sacou e a Porta Verde do Sétimo Andar xúntanse nun acto de presentación de ambos proxectos, no que a poesía terá un papel principal. Cartafol do serán é o título da iniciativa, na que se darán a coñecer as últimas propostas dos colectivos.

E o día 9, a librería La Marabunta de Lavapiés, barrio castizo madrileño, acollerá a presentación das dúas últimas publicacións dA Porta Verde do Sétimo Andar. Aló estaremos da man da compañeira Ana Cibeira.

Outra das novas importantísimas, é a publicación de Ana do seu primeiro libro de poemas, Pintalabios. Edita Toxosoutos os poemas de Ana que, malia ter unha actividade frenética dende hai anos no mundo da creación tanto literaria como plástica e virtual, aínda non tivera a oportunidade de plasmar a súa obra nun libro. Desta volta, Toxosoutos aproveitou a oportunidade de sacar todo o xenio desta poeta, á que lle auguramos un moi próspero futuro con este o seu novo proxecto.

Categories : Sen clasificar

Reaparecido

2011-03-26

A primeira fin de semana que quedo en Lugo, despois de moitos meses. Preparando xa os novos proxectos, nos que De Castro, non foi máis que o inicio. Despois da fugaz aparición televisiva, o traballo e actividades varias deixaron en riba da mesa unha manchea de propostas literarias que vou abandonando e retomando aos poucos. Unha das pezas que me custa deixar, Estremas de Ana Romaní, ou o libro de Pedro P. Riobó, As desfeitas do día. Este último, un libro que Morgante desaproveitará como outros da súa edición. Pero súmanse a colección Illas Sisargas, con Xoguetes póstumos, E alentar na túa rosa e Rúa da Cancela. O que, despois dun intento fallido con Auster, que me reafirma no meu desprezo polos autores ianquis de best sellers, e a pausada calma de Indignádevos!, fan unha lista demasiado longa para recuperar nunha soa fin de semana.

Categories : Sen clasificar

O día que deixei de ler El País

2011-02-06

Ás veces seméllase á mente preclara de Galeano, pero é poesía, formalmente, sen esquecer que as palabras de Galeano tamén sonan a poesía. Falo de Jorge Riechmann, no seu libro ‘El día que dejé de leer El País’.

O outro día, nos premios Aresa, aos que asisto como profesional e sen ningún tipo de devoción, puiden ver como o señor Juárez, consellerio de Medio Rural, citaba até en dúas ocasións a Castelao, para referirse a un animal emblemático deste país, a vaca. Nese momento, recoñecín nas súas palabras a estratexía de apoderarse daquelo que doe, pero que non se pode obviar. Que o nacionalismo español se apodere da figura de Castelao, sen ser novo,  é un dos meirandes insultos a este país, porque afonda na desposesión de toda mensaxe política dos escritos e tratados do autor galego por excelencia.

Neste sentido, e volvendo sobre Riechmann, reproduzo:

NUEVO GOBIERNO, 1996

Los mismos que empobrecen a los pobres

tachan la fertilidad de la tierra

privatizan lo que es de todos

deforestan el sentido de las palabras

cercenan los vínculos entre aquí y allá

se presentan como príncipes de la cultura

Eso no me hace desconfiar de la cultura

pero sí me hace

aborrecer doblemente a tales príncipes.

Categories : Sen clasificar

Lois Pereiro

2011-01-30

¿Que lle podo ofrecer a quen me intente?

días contados de paixón inerte

e amor eterno sempre compartido

coa débeda obrigada a unha existencia

amortizada en pagos usurarios

conxugando os verbos vivir e amar

en primeira persoa do plural

reducidos ás formas do presente.

¿Que lle podo ofrecer a quen me intente

se son un fío solto da esperanza

tecida e destecida

por Penélope?

Poesía última de amor e enfermidade

Categories : Sen clasificar

Acta de independencia

2011-01-21

Mentres penso se facer folga xeral ou exiliarme a unha caverna, que me perdoe o Comité Central, leo este poema de Nicanor Parra:

Acta de independencia


Independientemente
De los designios de la Iglesia Católica

Me declaro país independiente.


A los cuarentaynueve años de edad

Un ciudadano tiene perfecto derecho

A rebelarse contra la Iglesia Católica.

Que me trague la tierra si miento.


La verdad es que me siento feliz

A la sombra de estos aromos en flor

Hechos a la medida de mi cuerpo.


Extraordinariamente feliz

A la luz de estas mariposas fosforescentes

Que parecen cortadas con tijeras

Hechas a la medida de mi alma.


Que me perdone el Comité Central.


En Santiago de Chile

A veintinueve de noviembre

Del año mil novecientos sesenta y tres:


Plenamente consciente de mis actos.

Categories : Sen clasificar

Os cadernos de Q de Vian

2011-01-16

Q de Vian Cadernos, a nova iniciativa do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar. Uns cadernos con dimensión internalicional, que lle deben o seu nome a un poema de Boris Vian, dedicado a si mesmo e que se titula No fondo do meu corazón, Au fond de mon coeur. Xestado a partir dunha frase nun seu caderno, escrita aló polo 1947.

Je vais être sincère -une fois n’est pas coutume-

Voilà:

Je serai content quand on dira

Au téléphone -s’il y en a-t-encore

Quand on dira

V comme Vian…

J’ai de la viene que mon nom ne commence pas par Q

Parce que Q comme Vian, ça me vexerait.

—-

O que vén sendo:

Vou ser sincero -unha vez non fai costume-

Vexamos:

Estarei contento cando se diga

Por teléfono- se todavía existe

Cando se diga

V de Vian…

Teño sorte de que o meu nome non comece por Q

Porque Q de Vian, iso vexaríame.

Categories : Sen clasificar

Helder

2011-01-10

Hoxe, finalmente, fíxenme coa poesía completa de Herberto Helder. Un investimento que se amortiza só, coa lectura e a relectura duns textos que sorprenden.

Entao o mundo transforma-se neste ruído áspero / do amor. Enquanto em cima/ o silencio do amador e da amada alimentam/ o imprevisto silencio do mundo/ e do amor.

Pouco máis podo engadir neste momento. Quedei prendado dos primeiros poemas, pero decateime que trala ausencia destes meses tocaba limpar o baño, actividade que se realiza mellor escoitanto Apocalyptica, Iquisition simphony. Agora cheira a un aroma artificial que se identifica comunmente coa limpeza, malia que ninguén foi quen nunca de describir tal cheiro. Pero ben, asumir ese tipo de estupideces é o que corforma a verdade do cotiá e o resto é uma altura oculta, um leite e uma vontade de cantar.

Categories : Sen clasificar

Liberdades

2011-01-04

No xornal Galicia Hoxe aparece un artigo da axencia EFE, dun tal Ignacio Ortega no que se pon de manifesto o pésimo entendemento das liberdades individuais, cando fala de que os rusos non valoran tanto os avances neste senso, como aqueles dereitos sociais conseguidos despois da revolución. O primeiro que debemos cuestionarnos é se, efectivamente, os avances conseguidos trala caída do réxime soviético, se corresponden coas liberdades individuais. Forman parte, acaso, a perda deses mesmos dereitos fundamentais dun avance nas liberdades individuais? A persecución de opositores ao actual réxime, a vixiancia extrema en defensa dos privilexios duns poucos, forma parte dos avances nas liberdades individuais? A reconversión da superestrutura clandestina establecida por riba dos gobernos, máis ou menos lexítimos, modificada para fomentar medidas que inciden na consecución de máis privilexios para os xa privilexiados? Son acaso liberdades individuais, a participación en comicios corruptos, nos que reafirmar o único sistema posible, a única opción viable e democrática, segundo un concepto de democracia deturpado para que responda aos intereses particulares dunha minoría? Se iso son liberdades individuais, efectivamente si houbo avances nese senso.

Débese valorar positivamente, segundo a ditadura do capitalismo, que os traballadores e as traballadoras teñan dereito a un salario de miseria, cando no se cuestiona directamente ese dereito, en nome dunha competitividade que só deixa beneficios a empresas, maiormente deslocalizadas, sen redundar en absoluto no beneficio xeral. Débese valorar positivamente, a eliminación dos servizos básicos (educación, sanidade,…) gratuítos, a favor da súa privatización segundo un sistema no que se beneficia deles única e exclusivamente quen pode pagalos, redundando, deste xeito, nunha desatención xeneralizada das clases populares e no aumento da xa avultada diferenza entre ricos e pobres. Debemos defender un sistema que promove a case totalidade dos conflitos bélicos mundiais, e que resulta ser un dos principais xeradores de pobreza, que esquilma os recursos naturais e que rexistra os maiores índices de contaminación planetaria.

Pido silencio, en nome do rigor xornalístico. Pido silencio, para levar a unha reflexión que nos conduza a reconsiderar a traxectoria actual. Pido silencio e calo, efectivamente.

Categories : Sen clasificar